praza seixo
GUSTAVO RIVAS // Plaza de O Seixo, Tomiño

A Asociación de Cultivos do Baixo Miño, en colaboración co Concello de Tomiño, ven traballando pola dignificación, profesionalización e fortalecemento do sector agro na Comarca do Baixo Miño, dende hai xa máis de 15 anos.

A asociación de Cultivos do Baixo Miño, a día de hoxe constitúese como unha Asociación forte e consolidada, aglutinando empresas punteiras de diferentes subsectores como a planta, a froita, a horta e a flor que representan toda a cadea de valor do sector agrícola.

Aliñado cós obxectivos e as liñas de acción recollidas no Plan Estratéxico sectorial elaborado en 2017, traballamos por poñer en valor o territorio do Baixo Miño e os seus recursos, achegando ás novas xeracións unha visión real e actualizada deste sector como unha verdadeira oportunidade de desenvolvemento profesional e de xeración de riqueza no entorno. Deste xeito contribuímos a paliar unha das principais debilidades actuais: o relevo xeracional do agro no noso entorno.

Así pois, desde ACUBAM deséñase e ponse en marcha a Actividade “ O Agro nas Escolas”. O desenvolvemento da actividade consiste na participación dos nenos e nenas dos colexios de Educación Primaria do Concello de Tomiño, nun taller práctico na Fundación Sales,  fundación que traballa pola dignificación do sector agrícola e a súa posta en valor, a través, fundamentalmente, de accións de divulgación e sensibilización.

As accións serán desenvolvidas có apoio loxístico e económico de Concello de Tomiño, reforzando así o compromiso desta administración local có apoio ao desenvolvemento, posicionamento e fortalecemento do sector agrícola.

Na Fundación poderán desfrutar das súas instalacións, o seu xardín botánico e adquirir coñecementos técnicos sobre o sector e experimentar cun taller práctico sobre plantación.