Na segunda xornada da liga de Superdivisión o AD Vincios Gondomar desprazouse a terras madrileñas para enfrontarse ao San Sebastián de los Reyes, un equipo sempre moi complicado na súa casa, pois na súa pequena sala a bóla corre moito, sendo unha sala moi rápida onde os xogadores gondomareses, que adestran a nivel do mar, teñen moitas dificultades para dominar o xogo.
O partido empezou moi mal para os galegos, pois ao atoparse incómodos e tensos, non foron capaces de gañar as súas partidas. Comezou Martín Pintos contra o xogador moldavo Vladislav Ursu, caendo por 3-1, con parciais 11-6, 12-10, 9-11 e 11-7. Máis sorprendente foi a derrota do xogador Zhao Tianming ante o xogador nacional Rafael Casares por idéntico resultado, con parciais 7-11, 11-9, 11-8 e 11-5, vitoria de mérito para o xogador español. Con este mal inicio saíu André Silva a rescatar ao seu equipo, e nun partido moi loitado contra o xogador ruso Alekshei Zukov, deu o primeiro punto ao AD Vincios Gondomar nun partido con alternancias no marcador que acabou 2-3 a favor de André, con parciais 6-11, 11-5, 11-6,9-11 e 7-11, para poñer o 2-1 no ecuador do partido.
Nese momento enfrontáronse o chinés Zhao ao moldavo Vladislav, e noutro duro partido con final 2-3 para o xogador do Vincios, xogado de ti a ti, con parciais 7-11, 11-4,7-11, 11-5 e 9-11, equilibrada o partido cun 2-2. A derrota de Martín ante Zukov e a de Rafael Casares ante André Silva, ambas por 3-0, con superioridade dos xogadores foráneos sobre os nacionais, puñan un resultado final de 3-3, con repartición de puntos, que deixa ao AD Vincios Gondomar en metade da táboa clasificatoria.
Destacar neste inicio de tempada a capacidade de loita e traballo do xogador André Silva, que gañando todos os seus encontros nos dous partidos, lograron manter ao seu equipo competindo e arrincar estes dous valiosos empates.