O alumnado do Obradoiro de Emprego «Percorre Tui» realizou estes días unha visita guiada dirixida a un grupo de maiores da Residencia San Telmo. En concreto, a visita partiu dende a propia residencia, na rúa Antero Rubín, até a igrexa de San Domingos, situada a poucos metros, onde recibiron explicacións, por parte dos alumnos do obradoiro da historia e características deste templo. Posteriormente achegáronse até a alameda de San Domingos, e ao Centro de Interpretación “Tui, Camiño de Santiago”, situado no antigo convento de San Domingos.

Esta visita contou con moi boa acollida por parte destas persoas maiores, de tal xeito que dende a Residencia San Telmo solicitouse ao Obradoiro realizar nos próximos días outra ruta por outra zona da cidade.

Lembramos amais que hai un mes, como práctica na especialidade de Turismo, o alumnado conduciu xa unha visita guiada ao Centro de Interpretación “Tui, Camiño de Santiago” situado no antigo convento de San Domingos para os participantes no Campamento Inclusivo organizado por Un Máis. Daquela axudáronse de pictogramas e de explicacións sinxelas no percorrido que levaron a cabo para os cativos.