No ano 2022 celebrouse no Parador de Baiona o I Encontro de Comandos Igualdade da provincia de Pontevedra. Nesa primeira edición participaron catro centros da contorna e un instituto convidado de Yuncos (Toledo). O curso pasado o lugar escollido foi o auditorio de Chapela e nesta terceira edición, o Museo Verbum de Vigo acolleu estas xornadas que contaron co apoio do Concello de Vigo, do Concello de Baiona e da Deputación Provincial de Pontevedra. O equipo organizador anuncia que queren seguir medrando e ampliando este espazo de seguridade para o alumnado comprometido coa coeducación e diversidade.

O encontro contou coa presenza de Rochas Violetas (equipo de igualdade do IES Primeiro de Marzo, Baiona), Comando de igualdade de CPI Cova-Terreña (Baiona), Comando Igualdade – IES Val do Tea (Ponteareas), Club Diversidade – IES Valadares (Vigo), Brigada Violeta – IES Chapela (Redondela), Equipo Morgana – IES Álvaro Cunqueiro (Vigo), Comando Igualdade – IES Barral (Ponteareas), Comando Igualdade – IES Alexandre Bóveda (Vigo), CIFP Manuel Antonio (Vigo) e o Comando Igualdade do IES do Pazo da Mercé (As Neves).

O obxectivo deste espazo é poñer en valor e promover as boas prácticas en igualdade levadas a cabo por diversos institutos públicos, situando ao alumnado comprometido coa igualdade como auténticos protagonistas. Isto inclúe contribuír á prevención da violencia de xénero nas aulas e crear ambientes educativos seguros para estudantes, profesores e persoal non docente. A través de reflexións, actividades colectivas e aprendizaxes que dedicouse un día de traballo para seguir sendo un punto de partida para a creación de redes entre institutos na construción da igualdade.

O alumnado asistente contou coa presenta de Chis Oliveira, referente coeducadora de Vigo, a formación de Priscila Retamozo, experta en xénero e ex-alumna do Comando Igualdade do IES Alexandre Bóveda, así como a actuación da artista viguesa Su Garrido Pombo.