Alumnos de quinto de primaria de todos os centros educativos de Baiona, poderán gozar xunto ao poeta e pedagogo vigués David Fernández Rivera do Proxecto Caligrama 2000, unha iniciativa que, a través dunha pedagoxía pioneira, busca introducir aos máis pequenos no apaixonante mundo da poesía visual.

A actividade, que promove o Concello de Baiona, foi presentada no CEP Sabarís polo edil de educación, Óscar Carreño Miniño, quen animou aos alumnos a aproveitar ao máximo esta oportunidade única para crecer dende a poesía.

Ao longo dos últimos anos, David Fernández Rivera demostrou que a poesía visual é unha ferramenta con grandes virtudes pedagóxicas de cara ao desenvolvemento da creatividade e pensamento crítico dos nenos, unha ferramenta coa que Rivera consegue encher de entusiasmo e imaxinación cada unha das aulas que visita. Mostra disto é a participación efusiva coa que os pequenos viven o obradoiro, no que aprenden, entre outras cousas, a crear e interpretar poemas visuais.

Con todo, este proxecto con Rivera non terminará tras a realización dos talleres debido a que estes terán unha continuidade grazas ao desenvolvemento de diferentes actividades que impulsará no municipio co apoio da Concellería de Educación.