CEDIDA

Os nenos e nenas do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián levan moito tempo esperando por unha visita moi especial. Non lles daba chegado o día para poder coñecer a Iria Misa, escritora do libro «Mamá quero ser Ziggy Satrdust», libro do que quedaron prendados desde que comenzaran a lelo.

Iria non imaxinaba a mañá de emocións e sorpresas que lle esperaba. Emocións e sopresas preparadas dende as que sentiron os nenos e nenas ao ler a historia de Aine, a nena trans protagonista da súa obra literaria. Á vez que descubrían a Ziggy, atopáronse tamén a David Bowie que representa a diversidade, o respecto e a tolerancia, valores esenciais a traballar dende a educación.

“Ao chegar ao cole acompañáronna á clase de 4°. Alí, os alumnos e alumnas fixéronlle unha pregunta moi especial: se aceptaba ser a súa madriña de aula e, así, rematar co proxecto de visibilización feminina de distintos espazos do centro. Por suposto aceptou encantada e moi emocionada”, sinalou Mirta a directora do centro.

Despois, dirixiuse á biblioteca do cole quedando abraiada co que alí atopou: unha biblioteca chea de nenos e nenas coa emoción debuxada nas súas caras, un tocadiscos no que soaba música de David Bowie e algúns discos de Vinilo do cantante. Alí, «acosáronna» a preguntas sobre o libro e lle entregaron os agasallos preparados especialmente para ela. Unha chapa coa imaxe de Ziggy (un pin igualitario e educativo), un libro cos traballos realizados polo alumnado e un dos premios que o Centro está a entregar este ano a diferentes persoas e colectivos pola súa labor a prol da Diversidade.

Para rematar unha mañá tan emocionante, Iria asinou os libros dos nenos e nenas e tamén das mestras e mestres do centro e finalizaron realizando unha foto grupal nun mural coa figura Ziggy na que podía lerse a palabra Liberdade.

«Ben seguro que foi un día de namorar inesquecible para todas ases persoas alí presentes”, apuntou Mirta.