A especialidade de promoción turística do Obradoiro de Emprego Valmiemprega III realizou unha visita guiada cos 50 alumnos de 2º da ESO do IES Val Miñor de Nigrán, acompañados do profesorado.

A ruta denominada «Un mar de area, un mar de sentidos», desenvolveuse facendo un percorrido interpretativo que comezou no ENIL complexo dunar Praia América-Panxón, onde se fixo unha parada para observar o proceso de rexeneración das antigas Dunas de Gaifar. O percorrido a carón de Praia América consistiu na observación da Baía de Baiona e todas as súas características xeográficas, os seus límites, cabos, etc.

O alumnado tivo ocasión de coñecer algo máis sobre a historia do turismo nesta zona e da figura de Manuel Lemos, precursor das primeiras edificacións de Praia América, e saber máis sobre a peculiar casa coñecida como Torre Quirosno.

O itinerario completouse cunha volta arredor de Montelourido e as súas fermosas panorámicas sobre a Bahía, a observación de Baiona, o Illote da Garza ou as Illas Estelas.

Finalizou o itinerario na Foz do Miñor, espazo protexido dentro da Rede Natura, importante polos seus valores ecolóxicos e por ser unha zona de observación ornitolóxica. No remate fíxose unha breve mención aos impactos ambientais que sufre esta zona protexida, e sobre a necesidade de conservación e preservalo para as futuras xeracións.