Un 20 de marzo de 1963 Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, propuxo instituír o 17 de maio, coincidindo co centenario da edición do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (17 de maio de 1863), como Día das Letras Galegas.

A súa proposta foi aprobada, e dende entón cada 17 de maio homenaxéase un autor ou autora que defende o noso idioma e a nosa cultura. Para recordar aquela data, e a Rosalía de Castro, o alumnado CEP Xosé Neira Vilas xunto coa comunidade de montes plantará 2 camelias hibridas Rosalía de Castro, ademais da que xa hai plantada. Esta camelia foi creada en honra da poeta pola casa portuense Moreira da Silva.

Tamén foi Rosalía de Castro a primeira homenaxeada no día das letras galegas. A Rosalía foille dedicada unha singular árbore memorable plantada no ano 1968 na súa honra. Doazón da casa portuense Moreira da Silva que leva por nome «Camelia Híbrida Rosalía de Castro». A súa principal distinción márcaa o feito de tratarse dunha camelia creada en honra da poeta e que leva, polo tanto, o seu nome.

Para conmemorar este ano a Francisco Fernández del Riego nesta celebración do 17 de maio, o alumnado do CEP Xosé Neira Vilas realizará unha andaina dende o centro ata o Bosque da Lingua en Couso.

En primeiro lugar, os alumnos farán unha visita guiada ao Bosque da Lingua, a continuación, o Colexío e a Comunidade de Montes de Couso plantarán dous exemplares desta especie única neste bosque precisamente dedicado a Rosalía de Castro.