Creando Rural

Amplíase o prazo de inscrición para participar na segunda edición de Creando Rural, un concurso escolar posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural co obxectivo de achegar coñecementos sobre o desenvolvemento rural a cativas e cativos. Trátase dun concurso escolar participativo dirixido a alumnado de educación infantil e primaria dos centros educativos dos 13 municipios que conforman o territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).

Presentación de proxectos ata o 5 de abril

As aulas interesadas en participar terán ata o vindeiro 19 de marzo para inscribirse a través da páxina web de Creando Rural (creandorural.org). Coñecedores do axustado programa lectivo dos centros escolares, nesta segunda edición ampliouse o tempo de traballo dispoñible para os e as participantes e o prazo de presentación de proxectos, que poderán enviarse ata o vindeiro 5 de abril de 2019 tamén a través da propia web do concurso, facilitando así o traballo do persoal docente.

O profesorado deberá traballar co alumnado na aula as sete unidades didácticas creadas e adaptadas aos dous niveis educativos (7 para educación infantil e 7 para educación primaria), a través das que os rapaces e rapazas aprenderán que é o GDR 14, que se busca con el e como afecta á poboación e á economía da contorna. Unha vez revisadas estas unidades, cada aula ao completo poderá presentar un proxecto conxunto a concurso, co titor ou titora como responsable.

Excursión a Corazón de Carballo e FervenzAventura

Na categoría de educación infantil pídese como proxecto un mural creativo e de inspiración libre e na de educación primaria un vídeo dun máximo de dous minutos. O premio será:

  • Carballo, situada en Tomiño, o vindeiro 15 de maio. Alí os nenos e nenas realizarán diversas actividades relacionadas co medio rural, coa natureza e coa adquisición de valores implicados na convivencia, no traballo en equipo, na colaboración e no respecto. Educación ambiental e artística mediante multitude de actividades realizadas de xeito cosmopolita, plural, aberto e multicultural.
  • Para o alumnado de primaria un día no centro de aventuras FervenzAventura, en Silleda, o vindeiro 28 de maio. Unha combinación de aventura e natureza para aprender o valor da riqueza natural da contorna e a necesidade do seu coidado a través dun completo programa que combina educación ambiental e aventura nunha xornada de convivencia e traballo en equipo con actividades que van dende xogos de aventura, como o rocódromo ou a tirolina, ata aprender os segredos do bosque, desfrutar dos animais da granxa ou da horta ou un gran xogo de orientación con GPS.

Do 8 ao 30 de abril abrirase un prazo de votación popular para que a cidadanía escolla os traballos (un por categoría) que máis lle guste. Pero, para salvar as diferenzas de poboación que existen no territorio e evitar que os nenos e nenas poidan verse prexudicados por esta votación popular, a organización tamén designará un xurado composto por expertos na materia que elixirán outros dous premiados (un por categoría).

Éxito de participación

A primeira edición de Creando Rural rematou con un grande éxito de participación: 28 aulas de 12 centros escolares de 7 municipios presentaron os seus proxectos a concurso. Un éxito ao que hai que sumarlle a boa resposta do público durante o período de votación popular, no que se recibiron máis de 4.700 votos. Dende a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural quérese animar ao profesorado de todos os centros escolares do territorio do GDR 14 a traballar en clase co seu alumnado e a presentarse a este concurso que busca a posta en valor do territorio rural e dar a coñecer o papel dos GDR e da Medida Leader no seu desenvolvemento.