A cuarta xornada de folga que tivo lugar hoxe no comercio do metal da provincia de Pontevedra para forzar a negociación do convenio colectivo tras ano e medio caducado tivo de novo un amplo seguimento entre o persoal do sector. Ademais, centos de persoas traballadoras convocadas pola CIG, CCOO e UGT percorreron hoxe as rúas de Vigo en manifestación para reclamar unhas condicións laborais dignas.
A marcha arrincou do farol de Urzaiz ás 12:00 horas, despois de que un numeroso piquete informativo percorrese dende primeira hora da mañá as principais empresas situadas na contorna da Avenida de Madrid. Previamente desenvolveuse tamén unha concentración diante da sede da patronal ATRA, na rúa do Príncipe.
Ao remate da mobilización, xa na praza da Estrela, a asemblea de persoas traballadoras acordou convocar novos días de folga para o mes que vén, unha vez que o empresariado non respondeu ás solicitudes enviadas polas centrais sindicais para retomar as conversas.
Segundo explican dende a CIG-Servizos, os contactos coa patronal rompéronse o pasado mes de xaneiro, despois de que os sindicatos con representación na mesa abandonaran a última xuntanza ante a pretensión do empresariado de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal.
Outra das propostas da patronal contempla suspender durante dous anos a aplicación do artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio, co obxectivo de evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte. Ademais, o incremento económico proposto pola parte empresarial non contempla cláusula de revisión salarial a IPC. Para a parte social estas cuestións constitúen “liñas vermellas” que dificultan un posíbel achegamento.
En consecuencia, o sector -que emprega a uns 10.000 persoas no conxunto da provincia- iniciou un calendario de mobilizacións que incluíu até o de agora a convocatoria de catro xornadas de folga -tres delas convocadas conxuntamente co sector do metal os pasados días 7, 13 e 14- e numerosas protestas, tanto en Vigo como en Pontevedra.
Fonte: CIG
