raposa
FOTO BRIGADISTAS

Co motivo dos campionatos de caza de raposo en Galicia que teñen lugar nos meses de xaneiro e febreiro de 2019, a Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM), ven de interpor unha queixa ante o Valedor do Pobo de Galicia contra a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A xustificación da caza para o control da suposta superpoboación de raposo (ou calquera outra especie) e como medida de control por danos estarían suxeitas ás regulacións establecidas na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade a na Resolución do 8 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

A Lei 42/2007 establece no artigo 2 punto C como principio prioritario “A utilización ordenada dos recursos para garantir o aproveitamento sostible do patrimonio natural, en particular, das especies e dos ecosistemas, a sua conservación, restauración e mellora e evitar a perda neta de biodiversidade” punto que se incumpre coa realización dun campionato de caza no que se pretende matar o máximo número de animais sen coñecer a capacidade de carga do ecosistema, aspecto básico para coñecer a existencia ou non de superpoboación dunha determinada especie que asegure a aproveitamento sostible do patrimonio natural. A Resolución do 8 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2018/19, establece a obrigatoriedade da comprobación dos danos ocasionados polas especies obxecto do control poboacional.

No referente ao uso de munición de chumbo, o risco tanto para a saude das personas como para o medio ambiente está recoñecido pola lexislación sobre solos contaminados, Real Decreto 9/2005, do 14 de xaneiro, polo que se establece a relación de actividades potencialmente contaminantes do solo e os criterios e estándares para a declaración de solos contaminados. Deste xeito, a Lei 22/2011 de Residuos e solos contaminados, no artigo 17 establece a obrigatoriedade do productor da xestión dos seus residuos para o que o productor está obrigado a realizar o tratamento dos residuos por si mesmo ou de xeito subsidiario e a entrega dos residuos a unha entidade pública ou privada de recollida de residuos incluídas nas entidades de economía social, para o seu tratamento.

Finalmente, a Constitución do Estado español contempla a caza como unha actividade allea ao deporte ao aparecer reflexada no apartado 11 do artigo 148.1, xunto coa pesca, (separado do Deporte que aparece no apartado 19). Do mesmo xeito, o deporte debe fomentar os valores e aprendizaxes como a inserción social, a solidaridade, e a loita contra a violencia e intolerancia como aparece reflexado na Lei  10/1990, do 15 de outubro, do Deporte; valores e aprendizaxes cuestionable no caso da caza.

Por todo o exposto e en base á lexislación estatal e autonómica vixente, ANABAM solicita a retirada cautelar dos permisos para a celebración da vindeira Copa de España de caza de raposo que ten previsto realizarse en Galicia o próximo mes de febreiro ata que exista documentación científica que asegure a aproveitamento sostible do patrimonio natural conforme a Lei 42/2007. Solicita que a Comunidade Autónoma de Galicia requira ás entidades organizadoras dos campionatos de caza celebrados os dias 12 e 26 de xaneiro en Galicia a xestión dos residuos conforme ao artigo 17 da Lei 22/2011 de Residuos e solos contaminados polo uso de munición potencialmente perigosa para a saúde das persoas como para o medio ambiente por aparecer a munición de chumbo no Real Decreto 9/2005, do 14 de xaneiro. E, solicita a posta en marcha das accions legais correspondentes contra a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda polas supostas irregularidades na concesión de autorizacións para realización dos campionatos de caza en Galicia conforme a lexislación vixente.