A Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM) oferta un posto de emprego para persoas recen graduadas en Bioloxía, Ciencias Ambientais ou Ciencias do Mar.

Convócase unha praza para persoas recen graduadas en Bioloxía, Ciencias Ambientais ou Ciencias do Mar ao abeiro do Proxecto Píllara-Borrelho 2020 (seguimento da poboación e protección de niños de Píllara das dunas Charadrius alexandrinus Linnaeus, 1758) no Baixo Miño galego-portugués. O contrato pretende proporcionar unha primeira experiencia/oportunidade laboral para persoas recén graduadas. O contrato será a tempo parcial por 25 horas á semana por dous meses prorrogable por un mes máis.

Perfil
• Recén obtido o Grao en Bioloxía, Ciencias Ambientais ou Ciencias do Mar (persoas graduadas entre os cursos académicos 2014-2015 e 2018-2019, ambos incluídos).
• Capacidade de traballo individual e en equipo.
• Capacidade de auto-organización.
• Capacidade de transmitir coñecementos oralmente.
• Persoa proactiva e responsable.

Condicións
• Contrato de 2 meses (do 15 de abril ao 15 de xuño) prorrogable 1 mes máis (ata o 15 de xullo).
• Xornada parcial (62,5 % xornada completa).
• Salario de 750€ mensuais + suplemento por desprazamento.
• Flexibilidade horaria (a negociar co persoal seleccionado en base aos requirimentos do proxecto).
• Dispoñibilidade para realizar seminarios, obradoiros de voluntariado e charlas de educación ambiental coa cidadanía.
• Posibilidade de variación da xornada en función da carga de traballo.
• Indispensable vehículo propio.

A persoa que se incorpore ao proxecto recibirá unha formación inicial entre o 1 e o 15 de abril que incluirá os seguintes aspectos: coñecemento da área de traballo, identificación da especie, localización e seguimento de postas, divulgación e educación ambiental así como xerar outros materiais divulgativos.

A área de traballo será principalmente o norte de Portugal, municipios de Caminha e Viana do Castelo. Ademais das tarefas propias do proxecto a persoa seleccionada poderá ser eventualmente requirida para outras necesidades da asociación dentro do horario de traballo. A persoa contratada responsabilizarase da redacción dos informes semanais e informe final do proxecto.

A solicitude dirixirase por correo electrónico ata o día 27 de Marzo de 2020 ás 23:59 h a voluntariado.anabam@gmail.com acompañada do CV. O CV virá acompañado dos documentos xustificativos dos méritos alegados.