O Concello da Guarda promove, baixo a dirección de Brais X. Currás da Universidade de Coimbra (CEAACP), un Proxecto de Escavación, Análise e Sinalización do Cuncheiro do Monte Trega.
O proxecto de escavación será executado polos arqueólogos da empresa Terra Arqueos, mentres que para o estudo do material do cuncheiro contarase co grupo de investigación en zooarqueoloxía da Universidade de León con Carlos Fernández Rodríguez á fronte, e máis co Grupo de Investigación en Arqueobiología do CSIC, con Marta Moreno.
Xunto á porta de entrada no castro do Monte Trega dende o sur consérvanse os restos un antigo Cuncheiro, un espazo onde os habitantes do poboado botaban os restos da súa produción. Composto fundamentalmente por cunchas, conserva tamén restos de osos e espiñas de peixe, e tamén outras evidencias como restos cerámicos ou metálicos e calquera outro tipo de refugallo. «O que non é máis que un vertedoiro para as persoas que viviron no Trega, é hoxe para nós un tesouro e unha fonte de información de valor incalculable«, sinalan.
«A través do estudo dos cuncheiros podemos saber moito da vida cotiá das xentes que viviron nos castros. Sabemos que tipo de animais criaban, que especies cazaban, e como eran as prácticas de pesca e marisqueo. Deste xeito, podemos chegar a saber os lugares ata onde se desprazaban desde o poboado para captar os seus recursos«, apuntan.
O estudo da evolución dun cuncheiro no tempo, en suma, pode ser unha mostra representativa do proceso histórico de configuración e evolución das comunidades castrexas desde a Idade do Ferro ata a súa submisión ao poder de Roma e das transformacións que implica para as formas de produción e consumo.
A execución do proxecto prevé levar a cabo a limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Trega, a realización dunha sondaxe arqueolóxica, un estudo da arqueofauna, o levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas e a instalación de paneis informativos.
Neste proxecto participa un equipo humano composto por 10 persoas entre dirección, equipo técnico, de restauración e de análise da paleofauna, contando cun presuposto que supera os 15.000€.