«Salvar o Río Miñor é Salvarnos Nós». Con esta idea, a Asociación de Afectados polas Enchentes dos Ríos Miñor e Zamáns comezan a camiñar publicamente organizando unha andaina informativa, lúdica e por suposto reivindicativa, pola beira do Río Miñor que terá lugar o vindeiro domingo día 1 de outubro, con saída ás 11:30 horas dende o “Pipican” de Gondomar.
O obxectivo da mesma é comprometer e interpelar a toda a veciñanza da comarca no sentido de que a defensa e os coidados dos nosos rios é cousa de todos, «sexamos ou non afectados directos polas enchentes. Asemade, demandamos dos poderes públicos: Concellos do Val de Miñor, Xunta de Galicia e Goberno do Estado, que se impliquen a fondo neste asunto con medidas eficaces e respectuosas cos ríos que poden ir dende o control dos vertidos e dos recheos, até a eliminación de especies invasoras ou a reforma e mellora da depuradora de Donas, etc.«, sinalan desde a Asociación.
«Como afectados preocúpanos especialmente que as obras previstas no centro da vila de Gondomar, que consideramos necesarias, poidan resolver as enchentes na zona urbana, pero poden afogar sen remedio o Barrio da Ponte en Mañufe. Dende o noso punto de vista e aplicando o sentido común, entendemos que o lóxico sería comezar por resolver os tapóns dende a desembocadura cara arriba. Neste senso estamos satisfeitos polas actuacións que no seu día lle solicitamos a Augas de Galicia para que retirasen as árbores caídas ao longo do leito do Miñor. A primeira fase está realizada e xa comezaron coa segunda, que para nós é máis interesante dende a Ponte de Mañufe até a Xunqueira. Queda por resolver o control sobre o Encoro de Zamáns e os desembalses cando chove moito, para nós sen control e sen aviso de ningún tipo para as persoas que vivimos na vila, en Mañufe, etc.«, indican.
«Cómpre deixar de ver os ríos Zamáns e Miñor coma inimigos e velos coma aliados. O que lle deamos en coidados eles nolo devolveran en calidade de vida e saúde multiplicado por mil, porque os rios son a vida«, rematan.