O pasado venres reuniuse en Gondomar a Asemblea Comarcal de Manifesto Miñor, que como é habitual, foi aberta á toda a veciñanza que quixo participar nela. Debateuse e puxeron en común todo o relacionado cos vindeiros comicios municipais do 28 de maio.
«En primeiro lugar ratificamos os criterios que xa viñan sendo debatidos para a elaboración das candidaturas e as liñas principais do programa, tanto municipal, como para a Mancomunidade do Val de Miñor e, obviamente, para Entidade Local Menor de Morgadáns. Son criterios que teñen que ver coa territorialidade, é dicir, todas as parroquias deben estar representadas, e na medida do posible tamén o deben estar os diferentes actores ou sectores sociais que actúan na nosa contorna, facendo fincapé nos movementos sociais e veciñais pois MM segue a ser un espazo político de raíz veciñal e polo tanto, a democracia participativa unha das nosas guías», comentan dende MM.
Outro dos puntos foi a elección do candidato á Alcaldía de Gondomar, que por unanimidade das persoas asistentes, recaeu na persoa de Antonio Araújo Quintas. A Asemblea valorou o compromiso e a xenerosidade de Antonio por aceptar esta responsabilidade «nun tempo onde a política local, e en xeral, non pasa polos seus mellores momentos de credibilidade perante a cidadanía», comentan.
«Somos conscientes do esforzo persoal e político que lle estamos pedindo a Antonio por iso lle estamos dobremente agradecidos de que asumira este novo reto con ansias e ilusión renovadas. Antonio é garantía de traballo serio, de defensa rigorosa dos intereses de Gondomar, de capacidade para dialogar e construír equipos e de honestidade. Renunciar a unha persoa coma el, cos seus coñecementos da política municipal nun momento no que se adiviñan cambios de fondo que poden supoñer deixar ao albur de intereses espurios o Concello, fai que a presenza na Alcaldía de Gondomar de Antonio Araújo sexa a única garantía para poñer a salvo o interese xeral e o ben común«, rematan dende MM.