O tenente de alcalde do concello da Guarda e portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, informa nun comunicado de prensa que «o propio alcalde da Guarda, Antonio Lomba, está entorpecendo o remate da rúa Concepción Arenal. Despois de pasar por unhas obras que se prolongaron no tempo co goberno anterior, provocando a incomodidade da veciñanza e do comercio local, coa chegada ao goberno do BNG, asumindo entre outras a Área de Mobilidade, encargamos a sinalización definitiva e a colocación de bancos, papeleiras e xardineiras”. 

O Tenente Alcalde engade que “días despois, o alcalde decide pola súa conta impedir o envío do material da Deputación para paralizar o remate da obra. E onte, a través dos medios de comunicación, a veciñanza entéirase que quere abrir a rúa ao tráfico sen restricións, provocando sorpresa, incerteza e inseguridade viaria e peonil”.

Baz, como concelleiro-delegado de Mobilidade, afirmou que “imos levar adiante converter Concepción Arenal nunha rúa de preferencia peonil, tal como está concebida no Plan de Mobilidade. Chegamos ao goberno para iniciar un proceso de transformación absolutamente necesario, coa idea de aumentar o atractivo da vila, cun espazo público moito máis humano e amigábel coa persoa que anda a pé e que permita unha maior vitalidade comercial”.

Finalmente, o portavoz municipal do BNG, indicou que “debemos lembrar que sendo Santa Tegra un dos atractivos turísticos máis visitados de Galiza, so o 1% das persoas visitantes entran na Guarda. Até o día de hoxe, os distintos gobernos que pasaron pola vila, foron incapaces de rendabilizar unha auténtica galiña de ovos de ouro. Agora temos a posibilidade de nos dotar dun espazo público para as persoas, atractivo, que revitalice o noso concello e potencie o comercio e a hostalaría guardesa. A veciñanza non quere un modelo baseado en vehículos invadindo as rúas, dando voltas e máis voltas para aparcar, xa o tivemos e resultou un fracaso”.