BNG

«O PP da Guarda trata de desviar a atención sobre os apaños aos que chega co PSOE repetindo permanentemente  a mentira de que o BNG é socio de goberno de Antonio Lomba, a  pesar de que todo o pobo da Guarda sabe que o BNG non forma parte do goberno municipal«, afirman Anxo Baz.

Dende o BNG aseguran que «esta maneira tan absurda de proceder do PP, é unha mostra clara da desesperación e nerviosismo do líder do PP por ocultar a veciñanza os acordos vergoñentos e contrarios aos intereses dos guardeses e guardesas aos que chega co PSOE de Antonio Lomba».

Para os nacionalistas «o PP da Guarda é cómplice co goberno do PSOE de intentar eliminar 12.000 m² de solo público para equipamentos, zonas verdes e aparcamentos no entorno do antigo campo de fútbol do Trega (PERI 5). Tamén son cómplices do goberno de Antonio Lomba en atrasar e ter paralizado o acceso sur ao porto da Guarda a pesar das advertencias do BNG».

«O cinismo do portavoz do PP, ponse de manifesto unha vez máis cando acusa ao BNG da inoperancia do goberno do PSOE na xestión da piscina. Dase a circunstancia ademais, que fronte ao silencio do PP neste asunto no último pleno, o BNG demandou explicacións ao goberno municipal», critican dende o BNG.

O portavoz municipal do BNG Anxo Baz manifesta “a ausencia de proxecto do PP e do  PSOE para a Guarda coinciden plenamente. Carecen dun deseño alternativo e de futuro para o pobo da Guarda. A política do PP consiste en tratar de distraer a veciñanza para    tapar as súas falcatruadas”.