A asemblea local do BNG da Guarda elixiu por unanimidade a Anxo Baz como  candidato a alcaldía da vila mariñeira.

A responsábel local do BNG, Bea Lomba, na súa presentación destacou de Anxo Baz que «coñece ben os problemas da sociedade guardesa. Nestes últimos anos adquiriu a  experiencia necesaria para colocar este concello no lugar que lle corresponde. A Guarda  leva demasiado tempo parada, desaproveitando oportunidades cando temos un concello que é un diamante en bruto, temos un enorme patrimonio tanto cultural como natural e xente talentosa con grande capacidade de iniciativa».

As distintas intervencións que se sucederon na asemblea coincidiron en cualificar a Anxo como unha persoa “dialogante, próxima, amable e humilde, e con capacidade para darlle A Guarda un novo rumbo cun proxecto de goberno para aproveitar todo o seu potencial”.

Pola súa banda, Anxo Baz  fixo fincapé na urxencia de sacar A Guarda adiante porque pese a todas as súas fortalezas o municipio está “estancando, unha situación na que leva moito tempo. Temos un proxecto para colocar esta vila na vangarda saíndo da rutina e coa valentía suficiente para modernizar e transformar A Guarda e para mellorar a calidade de vida da veciñanza«, afondou.

“Nun momento como o actual, de grandes cambios e transformacións a nivel global, hai que sacar A Guarda dese bucle de apatía e poñer en marcha un novo proxecto, para poñela a funcionar, na vangarda, con confianza nas potencialidades que temos aquí. E podemos facelo. Así o facemos en todos os Concellos que gobernamos, que avanzan da man do Bloque”, explicou.