O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, acompañado do concelleiro Xosé Manuel Méndez, visitaron este sábado aos traballadores de IKF que levan 12 días en folga.

Os membros do comité de empresa explicáronlle aos representantes do BNG os motivos da folga que se concretan en «rexeitar a dobre escala salarial que pretende manter a multinacional francesa e que implicaría que persoal da mesma categoría cobre ata 5.200 € anuais menos ao ano ademais da liberalización dos horarios que a empresa quere impoñer».

Pola súa parte, Anxo Baz, amosou a solidariedade do BNG coas traballadores da empresa, facendo a seguinte reflexión, “estamos con vós porque sodes un exemplo de dignidade. Non só estades dando unha batalla polos lexítimos dereitos que vos corresponden, senón dando a cara polas novas xeracións de traballadores que se integren na empresa”.