As estradas autonómicas PO 510 e PO 407, ao seu paso polo concello do Porriño, atravesan varios núcleos de poboación na parroquia de Budiño e unha zona industrial en Atios. Durante mais de 6 km non hai máis ca un único paso de peóns (no colexio da Cruz en Budiño) que permita as persoas cruzar á outra beira da estrada sen arriscar a súa seguridade.

Son dúas estradas autonómicas das máis transitadas de Galicia e, ao atravesar zonas residenciais, a necesidade de cruzar para a outra beira é continua, para facer distintas actividades: traballar o campo, ir traballar aos polígonos industriais, facer a compra, ir ao colexio, etc.

A Consellería de Infraestruturas está a construír unha senda peonil na marxe esquerda, sentido ascendente na Vacaría, e ten pendente de executar outra na marxe dereita, nos barrios de Mantelle e Picouzo. «A pesar de ser obras acabadas de planificar, estas non contemplan novos pasos de peóns, algo inconcibible para a veciñanza que leva anos alertando á administración da inseguridade viaria que isto provoca», sinalan os nacionalistas.

A mesma necesidade repítese para as persoas que queren ir traballar ao polígono da Granxa desde a parroquia de Atios. «Non hai ningún paso de peóns, nin paso elevado ou soterrado, que permita cruzar á outra beira con seguridade».

Este mércores o BNG conseguiu que o goberno local recoñecese esta xusta demanda e a corporación municipal acordou trasladar á Xunta de Galicia a sinalización horizontal e vertical de pasos de peóns nos barrios de Picouzo e Mantelle na PO-407, no barrio da Vacaría na PO 510 e no barrio de Vilafría na PO-510.

“Estaremos atentos ao cumprimento por parte da Xunta de Galicia do acordo que hoxe tomou a corporación municipal. A veciñanza de Budiño e Atios leva demasiado retraso na mellora viaria destas dúas estradas” di Pedro Pereira o Portavoz do grupo municipal.