A iniciativa presentada polo BNG de Gondomar para urxir ao goberno local a dotar ao concello dun espazo de estudo que conte con máis prestacións foi aprobada por unanimidade no pleno municipal. A organización nacionalista insta ao goberno do PSOE a ampliar o espazo e, sobre todo, o horario, que inclúa franxas nocturnas en época de exames.
A ausencia de horarios máis amplos está a obrigar a moitos estudantes e opositores a buscar refuxio en bibliotecas de municipios limítrofes, o que supón unha discriminación e un sobrecusto en tempo e desprazamentos.
Na súa exposición de motivos, o BNG subliñou que concellos da contorna xa contan con aulas de estudo que se converteron en referentes de socialización e traballo. «Gondomar non pode quedar atrás mentres a nosa mocidade ten que marchar fóra para poder preparar os seus exames», sinalou a voceira nacionalista Manuela Rodríguez.
A iniciativa do Bloque lembra que, aínda que o goberno ten anunciado a nova biblioteca na Casa Peralba, esta non será unha realidade no curto prazo, polo que se require unha solución provisional, pero digna, de xeito inminente. Entre as demandas concretas a moción do Bloque solicita a habilitación inmediata dun local municipal de acceso libre e gratuíto, con wifi e tomas eléctricas e con horarios que se adapten as demandas do estudantado gondomareño.
Malia que o grupo de goberno votou a favor da moción, Ferreira argumentou que non hai unha demanda real que xustifique a ampliación da oferta horaria. Manuela Rodríguez, pola súa banda, respondeu que “se os horarios se limitan a dúas franxas partidas en mañá e tarde, sen continuidade no mediodía e pechando ás 20h, é imposible que funcione”.
A nacionalista considera que é preciso ofrecer maior amplitude e mantela no tempo para conseguir que se consolide. De aí que a súa proposta tamén indique a necesidade de “publicitar ese novo servizo nos centros educativos e a través dos medios municipais e das canles dixitais, garantindo o seu coñecemento por parte da veciñanza”.
Así mesmo, o acordo plenario insta a que o proxecto da nova biblioteca que se está a planificar integre unha Aula de Estudo que cubra as necesidades específicas deste tipo de espazos e que coide a súa integración funcional no conxunto. Durante o debate, Rodríguez tamén lembrou que segue sen cubrir a necesaria praza de bibliotecaria que Ferreira leva anos prometendo.
