No último pleno de Gondomar foi aprobada por unanimidade unha moción do BNG relativa á dotación de servizos ao barrio do Camiño Branco en Morgadáns. A moción insta ao goberno local, en colaboración coa Entidade Local Menor de Morgadáns, a prover de alumeado, saneamento, pavimentación e recollida de pluviais a este barrio abandonado desde hai decadas por Concello e Entidade.

O Camiño Branco ademais de ser o nome dun lugar en Morgadáns e tamén o nome do tramo final do chamado Camiño da Misa, procedente de Vilas. Tanto o barrio como o camiño tradicional constitúen unha das zonas esquecidas por parte dos gobernos da Entidade Local Menor de Morgadáns e do Concello de Gondomar.

Tal como explica a Voceira do BNG, Manuela Rodríguez, “os veciños levan anos solicitando, sen conseguir, cousas tan simples como a colocación de puntos de luz, o arranxo do firme do camiño ou a canalización das augas” que no inverno baixan desde Vilas e que, ademais de lle entrar para as súas casas, acaban atravesando a estrada e depositando todos os residuos no río. Por se isto fora pouco, relata a nacionalista “a falla de saneamento municipal, xunto coa dureza do terreo, obriga aos veciños a ter as fosas sépticas debaixo das casas ou en depósitos en superficie. Debaixo do salón, diante da porta da casa ou nun depósito á vista nun galpón, esa é a realidade deste lugar de Morgadáns”.

O BNG lembrou no debate plenario que xa van alá máis de sete meses despois do anuncio en pre-campaña dos Alcalde e Presidente da Entidade que prometían accións no barrio, “todo quedou en propaganda electoral”, denuncia Rodríguez e anuncia que, xunto co veciñanza afectada, “faremos seguimento do acordo unánime da corporación”. Como primeira medida, xa deron traslado dos acordos á Entidade Local Menor, á que tamén fai referencia a moción, para que se leven adiante á maior brevidade.