A moción do BNG a prol do saneamento e da posta en marcha do servizo de baleirado debatida no pleno de febreiro foi a probada por unanimidade. A iniciativa insta ao goberno municipal por un lado a desenvolver a normativa municipal precisa para a posta en marcha dun servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas, e, por outro, a investir a maior parte do importe dos fondos do plan de obras e servizos da deputación en dar saneamento a vivendas que non o teñen.
O BNG, como xa anunciara anos atrás e dentro da súa campaña permanente polo saneamento integral do concello de Gondomar, volveu levar unha moción nese sentido ao primeiro pleno do ano. Nesta ocasión, ao contrario que noutras veces, o goberno do PSOE de Paco Ferreira votou a favor da iniciativa do BNG, ao igual que o resto da corporación.
Aínda así, durante o debate plenario o alcalde non fixo máis que “botar balóns fóra” para xustificar o seu deixamento de funcións no que ao saneamento se refire. Á escusa de sempre do elevado custe das obras sumoulle neste caso a falla de persoal para a condución da cisterna de baleirado. “Mais o Sr Ferreira esqueceu dicir que leva case 11 anos no goberno gastando grandes cantidades para outras obras menos prioritarias. Algo que saben ben as persoas que carecen de enganche á rede de sumidoiros, un servizo básico de competencia municipal e de obrigado cumprimento”, indicou a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
A concelleira nacionalista reprochoulle ao alcalde que non incluira o servizo de baleirado nas condicións á empresa prestadora do servizo de saneamento que pretende privatizar cun contrato millonario. “Segue a dar desculpas que ninguén cre. Se realmente houbera vontade pola súa parte, nada lle impediría aprobar dunha vez a ordenanza reguladora do servizo e investir en saneamento, tempo e cartos tivo dabondo”.
Desde o BNG agardan que non ocorra como en ocasións anteriores en que o goberno de Ferreira “pasou ‘olimpicamente’ de cumprir os acordos aprobados, deixando claro que ese servizo non é a súa prioridade”, sinala Rodríguez.
