O vindeiro sábado 5 de outubro, ás 22:00 horas, chega ao Auditorio de Goián unha das pezas máis divertidas e sorprendentes da escena teatral: «#Camiños, de ButacaZero» en coprodución co Centro Dramático Galego.

Quen somos os galegos e as galegas do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade? Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os creadores desta peza que nos leva de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser.

Para tecer este mapa botaron man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.

Tanta festa se xuntará no Auditorio de Goián, que estarán presentes As Churrascas, que levarán a escena “aDiosRíos_aDiosFontes”, o título do seu primeiro “hit” de música electródica cos versos de Rosalía de Castro.