O PSdeG-PSOE do Baixo Miño puxo en marcha unha iniciativa política conxunta para mellorar o transporte público na comarca e garantir conexións dignas cos principais destinos de traballo, estudo e sanidade.
O obxectivo é dar resposta ás múltiples dificultades que a veciñanza leva tempo denunciando e reclamar á Xunta de Galicia unha planificación máis axustada ás necesidades reais da poboación.
Como primeira fase de traballo, porase en marcha a difusión dunha enquisa cidadá que permitirá recoller información de primeira man sobre o estado actual do servizo: conexións cos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, frecuencias de autobús, horarios, prezos e accesibilidade. Os resultados serán analizados para elaborar un informe que servirá de base ás accións políticas posteriores.
As agrupacións socialistas do Baixo Miño insisten en que esta iniciativa se lanza nun momento decisivo, tras a rescisión por parte da Xunta de varias concesións de autobús no sur da provincia de Pontevedra por resultar insuficientes. Por iso, considera imprescindible que o novo proceso de licitación incorpore as necesidades reais da comarca e evite repetir erros de planificación.
A formación socialista anima á cidadanía a participar activamente na enquisa, dispoñible en formato en liña durante todo o mes de outubro, accesible mediante un código QR e ligazóns que serán difundidas polas canles oficiais das distintas agrupacións.