Valedoras Transfronteirizas

O control fronteirizo en Portugal será reposto durante a visita do Papa Francisco, o vindeiro mes de agosto, para as Xornadas Mundiais de Xuventude? E cales as medidas para salvagardar os cidadáns transfronteirizos? Esta é unha das primeiras preocupacións postas enriba da mesa polas novas valedoras transfronteirizas da Eurocidade Cerveira-Tomiño presentadas este venres en Tomiño. Ana Fernández Ordóñez e Maria Manuela Ferreira elixen a saúde e a creación da tarxeta de cidadán transfronteirizo como áreas prioritarias para os próximos dous anos de mandato da valedoría.

Querendo evitar o “escenario de alarma social” vivido en 2017, de cara á visita do Papa Francisco para o Centenario das Aparicións de Fátima, as novas valedoras da Eurocidade Cerveira-Tomiño alertan do grande impacto na rutina diaria dos cidadáns da raia miñota. Ana Fernández Ordóñez explicou que van “solicitar esclarecementos ao Ministerio da Administración Interna, para obter información fiable e clara sobre este tema, saber que medidas van ser adoptadas e como pretenden evitar os prexuízos para a cidadanía transfronteiriza”.

Un segundo asunto prioritario para as valedoras é a eliminación do período de validez da Tarxeta Europea de Saúde. “Cremos que sería interesante que este documento, recomendable para todas aqueles que viaxan pola Europa ou, como é no noso caso, que continuamente nos mobilizamos entre Portugal e España, debía manter a súa validez atemporal, para así evitar sorpresas desagradables en casos de hospitalización ou asistencia médica no país veciño, estando a escasos quilómetros, polo que queremos romper con estas burocracias”, afirmou Ana Fernández Ordóñez.

Tendo como funcións a garantía da defensa, protección e implementación de intereses comúns aos residentes en Tomiño e Cerveira como cidadáns europeos transfronteirizos, Maria Manuela Ferreira asegurou que “este nomeamento é unha pequena contribución para dar voz a Cerveira e Tomiño no encontro de solucións para os anhelos e necesidades das nosas poboacións, no ámbito das empresas, institucións, nos coidados de saúde, de emerxencia, na protección civil, na mobilidade e circulación de traballadores transfronteirizos, serán sempre as nosas prioridades”. E engade: “Só quen aquí reside e se move diariamente para o país veciño, sexa por traballo ou lecer, pode testemuñar eventuais trabas e burocracias que xa non teñen razón de existir tres décadas despois de que comezara a libre circulación de persoas e bens”.

Durante a presentación, o alcalde de Vila Nova de Cerveira realzou que a «Eurocidade Cerveira-Tomiño quere continuar a ser exemplo de boas prácticas da cidadanía transfronteiriza e a valedoría é proba diso. Un mecanismo para tomar o pulso á nosa sociedade a través da recolla de reclamacións e suxestións». Rui Teixeira asegurou que a Eurocidade ten «ideas e proxectos importantes sobre a defensa do territorio, salvagardando os intereses comúns e colocando ao cidadán transfronteirizo no centro das atencións. Imos facer un Espazo Único Europeo».

Relembrando algunhas das iniciativas promovidas polas primeiras provedoras, as cales foron premiadas a nivel internacional, a alcaldesa de Tomiño, Sandra Gonzalez, eloxiou «o traballo feito que nos enche de orgullo, estando seguros de que as novas provedoras van proseguir coa recolla de testemuños e presentar novos proxectos e outras dinámicas de cidadanía».

A profesora auxiliar do Departamento de Ciencia Política da Universidade do Miño e investigadora do CICP, Sandrina Antunes, proferiu unha intervención na cal lembrou que o COVID-19 trouxo algunhas ensinanzas importantes, como a necesidade de lembrar que a cooperación transfronteiriza é un elemento fundamental. A académica reforzou «a necesidade de repensar a forma tradicional de fronteiras. Non é abolir, mais camiñamos para unha maior complexidade e necesitamos dunha maior enxeñaría administrativa. Non é eliminar fronteiras políticas, mais dinamizar unha maior flexibilizaçión, apostando polo concepto de fronteiras funcionais. Trátase dun desafío para académicos, políticos e UE. Precisamos de solucións prácticas para o día a día da cidadanía transfronteiriza».

A Valedoría da Cidadanía Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño, figura pioneira de cooperación entre a Galiza e Norte de Portugal creada en xullo de 2017, exerce a súa actividade con autonomía e imparcialidade en relación aos órganos municipais e sen ningún tipo de retribución económica. Teñen como funcións recibir queixas, reclamacións e suxestións relativas ás relacións transfronteirizas entre os dous municipios e emitir informes, recomendacións e suxestións dentro das súas competencias.