ALFREDO

Ante as inundacións provocadas polas fortes choivas deste domingo no CPI Cova Terreña de Baiona, onde se está a executar o cambio da cuberta, esta mañá realizouse unha reunión de urxencia no centro. Nela participaron a dirección do CPI, representantes da Consellería de Educación, da Anpa e do Concello baionés.

En dita reunión acordouse derivar a 100 alumnos de 1º e 3º de primaria, de seis aulas afectadas, ao CEIP de Fontes-Baíña ata o remate das obras, co obxectivo de evitar a perda de clases e de causarlles ás familias os menos trastornos posibles.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional asumirá o transporte do alumnado desde o CPI Cova Terreña ata o CEIP de Fontes-Baíña desde este martes e ata novo aviso.

Segundo a empresa que está a realizar as obras, fallou a suxeición da cuberta provisional, o que motivou a filtración de auga nas aulas afectadas.

A Xefatura Territorial de Educación amosou o seu agradecemento a nais e pais do alumnado que se viu afectado por esta situación, allea ao centro e ás familias.