As socialistas de Tomiño, na sesión plenaria celebrada o pasado luns 2 de marzo, rexeitaron a aprobación da oitava prórroga do contrato de xestión do servizo público de recollida domiciliaria de residuos sólidos urbanos, transporte á planta de transferencia, e a limpeza viaria coa empresa URBASER.
A voceira socialista manifestou no Pleno que xa o ano pasado na aprobación da anterior prórroga, «o Goberno asegurou que tan só sería por uns meses ata que estivera redactado o prego de condicións para licitar de novo o servizo. Tamén asumiu o compromiso de manter unha xunta de portavoces para explicar polo miúdo, en que consistiría o novo modelo de recollida de residuos que se vai a implantar no Concello», din as socialistas.
Aseguran que a día de hoxe «nada diso se cumpriu, seguimos esperando por esa reunión e o servizo cada día é máis deficitario e caótico, cunhas frecuencias de recollida insuficientes provocadas pola falla de persoal» e acusaron o Goberno local «de non fiscalizar o labor e xestión da empresa, lembrándolle que no momento de asinar o contrato a plantilla contaba con 11 persoas reforzándose no verán, para acabar sendo nestes tempos tan só de 6 traballadores. A isto súmase o lamentable estado dos contedores, así como a súa escaseza en todas as parroquias, xa que logo, esta nova prórroga non contempla ningunha mellora no servizo e a situación irá a peor sendo a veciñanza quen o vai a sufrir a diario».
As socialistas acusaron ao Goberno de alongar os prazos ata pasar as eleccións municipais por cuestións electoralistas, o que cualifican «de unha absoluta irresponsabilidade política con nefastas consecuencias para a cidadanía, o medio ambiente e a imaxe do noso Concello», indican.
Por outra banda, as socialistas móstranse moi críticas coa aprobación da prórroga do contrato entre o Concello de Tomiño e a empresa AQUALIA S.A., para a xestión do servizo de auga potable e rede de sumidoiro. Denunciaron no Pleno «que se está a incumprir a Lei de Contratos das Administracións Públicas aprobada polo Real Decreto 1098/2001, que establece no seu artigo 100 que a prórroga debe acordarse antes do vencemento do contrato e que en ningún caso pode ser obxecto de prórroga un contrato xa vencido sendo a data de vencemento do actual o 22/02/2026″.
A voceira socialista manifesta «que este feito de facer algo ilegal ás sabendas ten un nome, que é prevaricación e criticou a nula xestión deste goberno así como a deixadez e falla de previsión con este contrato asinado polo Concello e demandou maior dilixencia na revisión dos contratos, pois a neglixencia deste goberno pode poñer en risco servizos esenciais». Por último, as socialistas recomendan «menos sesións de fotos e vídeos propagandísticos e máis traballo».
