Concello de Baiona
ALFREDO // Concello de Baiona.

Co fin de conmemorar e dar visibilidade a unha enfermidade que na área sanitaria viguesa atende a 31 pacientes e se estima que ten unha incidencia de 1 caso por cada 3.200 caucásicos, a Asociación Galega de Fibrose Quística organiza no concello de Baiona diferentes actividades deportivas e de lecer.

Estas actividades desenvolveranse o domingo, 3 de setembro, na Praza do Concello de Baiona. A primeira das actividades vaise desenvolver ás 10 horas e consistirá nunha andaina de 10 quilómetros en dirección ao Parador, a Virxe da Rocha, a periferia da vila para volver á praza de saída.

Ás 11:30 horas desfilará o pasarrúas Lexión 501 / Rebel Lexión dende o pavillón ata a Praza do Concello. A esta hora tamén se colocarán inchables para os pequenos na Praza do Concello, que estarán funcionando tamén durante a tarde.

Ás 12:00 horas dará comezo a andaina de orientación, que pode ser individual ou por equipos, na que se entregará un mapa cuns puntos que deberán atopar e dar fe de que pasaron por alí marcando nunha baliza. Mentres uns participan nesta carreira, outros poderán degustar rosca e bica.

Ás 17:00 horas será a presentación do espectáculo de maxia que desenvolve Valerias Varitas.

Ás 18:00 h. inicia a masterclass de zumba solidario, que ao rematar seguirá a música con bailes de salón da man de Toni e Sandra.

Ás 19:30 h. haberá unha representación de teatro A tropa do Doutor Milagre e o Día Mundial rematará con máis música do grupo Dosax e a Escola Deportiva Sey.

Durante toda a xornada sortearanse agasallos que foron doados polos comerciantes da zona trala adquisición de rifas solidarias que se poderán mercar nunha mesa colocada pola Asociación de Fibrose Quística de Galicia ou tamén tras participar na andaina e na carreira de orientación.

Asociación Galega de Fibrose Quística

A Asociación Galega de Fibrose Quística, entidade que entrou a formar parte de COGAMI en 2015, é unha organización sen ánimo de lucro que representa a persoas con Fibrose Quística e familiares en Galicia. Constituída en 1985, forma parte da Federación Española de Fibrosis Quística e da Federación Galega de Enfermidades Raras.

A Finalidade desta entidade é a de contribuír ao coñecemento, estudio e investigación da enfermidade, mellorar a calidade de vida das persoas que a teñen e familiares, manter un estreito contacto cos profesionais sanitarios especializados para mellorar a asistencia sanitaria dos pacientes e divulgar e dar a coñecer a Fibrose Quística.