Despois de varios meses de presentadas as solicitudes para a súa tramitación, Augas de Galicia vén de autorizar o desbroce na marxe dereita do Río Miñor que vai dende o centro de Gondomar ata o límite co Concello de Nigrán, á altura do IES Proval, dunha faixa de 6 kms de lonxitude por 2m de ancho aprox., dentro da banda paralela ao río de Dominio Público Hidráulico.

O obxecto desta actuación que promove a Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Godomar, ademais de favorecer as beiras do río polo que ten de eliminación de bio-invasoras e atrancos que impiden unha boa drenaxe das augas das enchentes, ten outro obxectivo principal que é marcar o futuro paseo fluvial, indican dende o Concello.

Esta actuación, unha vez realizada e cando o tempo o permita, vai permitir camiñar pola beira do río con moita facilidade e sen necesidade de obra. Trátase dunha actuación absolutamente respectuosa cun espazo natural de alta sensibilidade e que cómpre preservar e mellorar. Tamén vai ser totalmente respectuosa coas propiedades e cultivos que lindan coa beira do río. Dende a Concellaría de Medio Ambiente, pensamos que a mellor maneira para conservar e poñer en valor o noso patrimonio, o que sexa, incluído o natural, é dándoo a coñecer para que sexa valorado e poñéndoo ao servizo da cidadanía.

Os traballos de desbroce iniciaránse en breve, unha vez resolto a contratación da empresa que o vai realizar e contando sempre coa supervisión de Augas de Galicia.

Nesta mesma liña, comunicar que tamén está solicitada en Augas de Galicia e a piques de rematar a tramitación do expediente, para o cual foi necesario presentar un completo e complexo proxecto técnico ante o devandito organismo, a autorización para proceder á retirada dos sedimentos amoreados dende hai décadas na contorna da Ponte Románica de Mañufe.