ALFREDO // Iglesias de San Pedro de Burgueira

O departamento de Patrimonio da Deputación vai repartir 390.948 euros en axudas para proxectos de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. En total financiaranse 48 actuacións de posta en valor da riqueza patrimonial en concellos de todas as comarcas mediante a súa recuperación e mellora.

Na comarca do Val Miñor a axuda de Baiona (5.912 euros) destinarase á restauración da zona de mesas do parque da Palma; a de Gondomar (7.351 euros) a conservación e sinalización das escolas de San Cibrán, en Donas; a de Nigrán (14.247 euros), unha das máximas de toda a provincia, á posta en valor do Monte Castelo; e finalmente a de Oia (3.206 euros), a sinalización das igrexas de Mougás, Lourenza, Burgueira, Pedornes e Viladesuso.

Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega, desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta estas liñas de subvencións que pretenden a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo e, ao mesmo tempo, harmonizar coa contorna. Os textos incorporados eberán redactarse obrigatoriamente en lingua galega, de maneira ordenada e clara, e serán validados por Servizos Lingüísticos da Deputación. No caso de que exista sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada de titularidade municipal, esta deberá quitarse antes de colocar a nova.