A Deputación de Pontevedra revalida, por segundo ano consecutivo, o seu apoio a unha nova edición do “Salitre Fest“, que se desenvolverá do 6 ao 8 de setembro en Baiona, “pola combinación ideal de deporte con ocio e familia que propón a programación do evento”, tal e como subliñou na presentación desta mañá, na praia da Ribeira, o deputado de deportes Gorka Gómez.

Na posta en valor de “Salitre Fest”, que naceu arredor do paddle surf, o deputado de Deportes, quen estivo acompañado da deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, e o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, salientou que a institución provincial “apoiará todas as iniciativas e eventos que poñen en valor o noso territorio e os valores do deporte” e puxo como exemplo o Salitre Fest, que combina as probas deportivas –con percorridos que permitirán a súa visualización desde toda a localidade- con concertos e un área gastronómica para facilitar a presenza dun publico familiar. “Creo que esta é unha tendencia que hai que fomentar porque o deporte ten que involucrar a todas as familias, a toda a cidadanía”, apuntou.

O Salitre Fest incluirá na súa programación o primeiro Campionato Ibérico de SUP (paddle surf), que reunirá na praia de Ribeira a deportistas de toda a xeografía nacional e de Portugal e puntuará para o circuíto nacional da Copa de España de SUP Race. Tamén se celebrarán as Sprints AESUP, en varias categorías e, en base as devanditas probas, este ano decidirase en Baiona o Campionato de España de Clubs. A este respecto, o alcalde da localidade, Carlos Gómez, subliñou pola súa banda que “un evento así non podería celebrarse noutro lugar que Baiona” e destacou que “as administracións temos que traballar para ir máis alá do ámbito ibérico, para alcanzar maiores cotas”.

A oferta deportiva mesturarase no Salitre Fest coa de ocio, cunha zona market e gastronómica (coa presenza de foodtrucks) no parque de A Palma, onde tamén se desenvolverán os concertos.