A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar por 92.020 euros a adxudicación do contrato para a implementación e posta en funcionamento da aplicación electrónica destinada á axilización da tramitación de denuncias por infraccións de tráfico en 24 concellos da provincia. Dito contrato foi outorgado á empresa “Gestión Tributaria Territorial S.A.”.
Este software xa estaba sendo empregado en Caldas de Reis e O Porriño. A finalidade desta aplicación é facilitar o uso dos teléfonos intelixentes como instrumentos de captura de denuncias de tráfico naqueles concellos nos que o Servizo ORAL xestiona a tramitación destas notificacións.
A iniciativa da institución provincial chegará deste xeito a Baiona, Gondomar, O Rosal, Tomiño e Tui, entre outros concellos da provincia. Estes municipios súmanse aos de Caldas de Reis e O Porriño, nos que este novo sistema xa está a funcionar dende hai uns meses. Polo tanto, serán un total de 26 concellos os que dispoñan desta aplicación.
A Deputación de Pontevedra ten encomendadas as facultades de xestión e recadación das multas de tráfico así como a encomenda de colaboración na tramitación dos expedientes sancionadores en materia de tráfico por parte dos concellos da provincia. A través desta iniciativa a institución provincial continúa esforzándose por dotar de novos medios tecnolóxicos e servizos do século XXI aos municipios máis pequenos.