Este venres, ás 19:00 horas no xardín da Casa da Navegación de Baiona, farase a presentación da Programación da Primavera Lila, programa que xurdiu de varias reunións con mulleres da vila, representantes de asociacións tanto deportivas coma culturais; mulleres salientables do eido artístico, deportivo e docente.

Trátase dunha segunda convocatoria programática, a primeira ocasión levou o nome de «Novembro Lila» e o foco púxose na concienciación e sensibilización contra a violencia de xénero.

Nesta ocasión o obxectivo é poñer en valor o traballo das mulleres (maioritariamente de Baiona) nos diversos eidos mediante accións cun ton máis festivo, celebrando os pasos que se teñen dado até agora e empoderando a todas esas mulleres que foron silenciadas.

Dentro da programación que se estenderá durante toda a primavera se contará con: pandereteiras; murais colaborativos; contacontos e conferencias nos centros educativos; ampliación do punto de interese feminista; teatro, batukadas; recitais de poesía; arte e moito máis.

«O camiño cara a igualdade non se fai nun só día. Dende a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona traballamos a diario e en colaboración con tódolos axentes implicados para acadar unha Baiona máis xusta«, indican.