O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia, chega este luns ao Concello de Baiona.
O Multiúsos de Sabarís acollerá ás 21:00 horas un pase do filme ‘María Casares, a muller que viviu mil vidas’, do realizador Xavier Villaverde e producido por Agallas Films. O título foi gañador do premio Mestre Mateo na modalidade de mellor documental.
O documental é unha homenaxe desde a Galicia natal que, tras o primeiro centenario do seu nacemento, rememora a importancia da figura de María Casares abordando a súa historia de forma íntima e profunda. Trátase dun retrato dunha vida que estivo marcada pola Guerra Civil e polo exilio, e na que se entrecruzan personalidades culturais do panorama internacional cos acontecementos históricos sucedidos na Europa do século XX.
