ALFREDO

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 2 millóns de euros para que 10 concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten a 49 persoas ao abeiro das liñas 1, de investimentos, e 3 de activación de emprego, do Plan +Provincia.

Benefícianse destes recursos A Cañiza, A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Lalín, Marín e Nigrán. “Seguimos activando recursos e tendendo pontes cos concellos”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López, que lembrou que xa se aprobaron preto de 9,5 millóns de euros deste plan para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno destina a Baiona 176.304 € para o proxecto de instalación de ascensor na Casa do Concello; A Guarda contará con 328.355 € para o proxecto básico e de execución da reforma integral dos Edificios Sinde, bloque I, que completarán aos 709.738 € que xa recibiu ao abeiro do Programa PON2030, polo que o orzamento total de 1,04 millóns de euros estará financiado ao 100% pola Deputación.

No caso da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba para Nigrán 214.242 € para contratar a 18 persoas que traballarán como peóns forestais (15) e conserxes/ordenanzas (3).