O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Rural, e na aposta pola compostaxe como método de tratamento de residuos orgánicos, entregou hoxe 50 composteiros individuais cedidos por Sogama.

Este ano, o Concello de Baiona adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama polo cal a entidade cedeu 50 composteiros individuais de 400 litros de capacidade e fabricados en plástico reciclado a persoas veciñas de Baiona, que dispoñan dun terreo onde instalalo.

O obxectivo é a transformación dos restos orgánicos producidos no domicilio en compost, un fertilizante natural cunhas excelentes propiedades para o seu uso no solo e a disminución dos kilos de lixo orgánico depositados no contedor verde.

Cabe lembrar que o Concello de Baiona dispón asimesmo de 3 centros de compostaxe comunitaria, ao amparo do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, ubicados no parque do barrio de Os Tendais, na rúa Burgo e no Camiño do Carme en Sabarís, que funcionan con grande éxito de participación.

As personas que desexen un composteiro individual poden solicitalo no Concello, xa que ainda quedan algunhas unidades dispoñibles. Para optar a eles, deben estar empadroadas en Baiona, ser maiores de idade e dispoñer dun terreo onde instalalo.