O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra Luís Bará confirmou hoxe en Tomiño que un goberno do BNG na Xunta de Galicia retomará o proxecto do Banco de Terras e recuperará 100.000 hectáreas agrarias no país para, entre outros, beneficiar un sector como o da planta ornamental, o motor económico da comarca do Baixo Miño.
O nacionalista puxo sobre a mesa medidas e orientacións estratéxicas. Ademais de recuperar 100.000 hectáreas abandonadas, Bará destacou a necesidade dunha nova Lei de Estruturas Agrarias, e ao mesmo tempo elaborar un novo Plan de Agricultura Ecolóxica consensuado co sector cun horizonte temporal máis amplo que actual e que impulse todo o potencial que ten esta produción.
Bará así o asegurou na visita a unha das empresas máis representativas do sector que é o motor económico da comarca, que xera o 40% dos empregos en Tomiño, e que se ten mostrado como moi dinámico e de gran crecemento nos últimos anos. “Este sector demostra a nosa potencialidade como país se cremos nas nosas posibilidades, porque se está a exportar a toda Europa, tendo importancia ata en lonxas como a de Amsterdam”, manifestou o cabeza de cartel, que recoñeceu o traballo feito dende o Concello de Tomiño no seu apoio e no fomento do asociacionismo, que permite ser máis competitivo.
A parada en Tomiño de Bará enmarcouse na xira que hoxe está a facer na provincia, cumprindo a estratexia de que esta será unha campaña ilusionante, mobilizadora e moi activa, na que se traballará voto a voto porta a porta. De feito o nacionalista organizou un percorrido de 300 quilómetros que incluíu paradas en Lalín, A Estrada, Pontecesures, Vilagarcía, Pontevedra, Bueu, Vilaboa, Vigo, Tomiño e Mondariz Balneario, comezando ás oito da maña e pechando a axenda máis de doce horas despois.
En Mondariz Balneario, ante un nutrido grupo de militantes e persoal orgánico, Bará destacou que o BNG fará unha campaña activa con máis de 100 actos principais na provincia. Pediu a implicación de toda a xente que quere cambio para xuntar no BNG o voto e así derrotar ao PP e conseguir a “mellor Galiza”. Insistiu en que estas son as eleccións máis abertas en 14 anos e que o futuro goberno da Xunta decidirase por poucos votos, polo que chamou a concentrar no Bloque esa “corrente de cambio imparable” que se detecta na rúa.
“Ana Pontón é a candidata de todas as persoas que queren cambio, desa maioría plural e diversa”, subliñou, asegurando que “este é o momento do cambio. É o momento en Galiza porque podemos gañar ao Partido Popular se todas as persoas que queren cambio collen a papeleta do BNG, se non se perde nin un só voto”, insistiu.