A formación do BNG rexistra novas iniciativas no Congreso co obxectivo de garantir a conexión de internet nas zonas do rural da Galicia que, a día de hoxe, «se atopan en desigualdade con outras zonas urbanas«. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, exemplifica a falta de acceso a internet na meirande parte das parroquias de Gondomar e reclama ao Goberno do Estado que actúe para que as compañías cumpran coas obras de ampliación da rede de fibra. Así mesmo, urxe que se leve a cabo unha reforma da normativa para obrigar ás compañías a aplicar descontos nas facturas cando non cumpran co estipulado no contrato, cobrando só o servizo que de verdade poidan ofrecer.

A veciñanza do Concello de Gondomar leva anos reclamando a mellora no servizo de internet. A cobertura non supera 25% das vivendas totais e a maioría delas atópanse no casco urbano e nunha parte da parroquia de Vincios. “Isto vulnera o dereito a ter un servizo de internet de calidade e en igualdade de condicións ao que poden gozar outras zonas” comeza o deputado nacionalista. De facto, Gondomar debe soportar un servizo “exaxeradamente lento, cando non inexistente” nas zonas máis rurais do municipio.

A maioría da veciñanza ten conexión de ADSL que nin sequera alcanza os 10 megas. Como esta colapsa, moitas persoas optan pola rede móbil 4G “polo que tamén se satura e deixa de ser eficiente, e provoca tamén deficiencias na cobertura móbil”. “As persoas están pagando por un servizo de Internet que non reciben das empresas de telefonía. Por iso entendemos que o Goberno do Estado ten que impulsar unha reforma da normativa aplicábel que obrigue ás compañías a aplicar rebaixas ou descontos nas facturas de telefonía e internet cando non cumpran o estipulado” explica o deputado nacionalista.

O principal tronco de alimentación da rede rural que Movistar se encarga de estender foi financiada con 100 millóns de euros dos plans de extensión da banda ancha da Xunta e do Estado para chegar ás poboacións de menos de 300 habitantes” enfatiza Rego. A Plataforma Fibra Xa! recolleu 1.650 sinaturas e a compañía veuse obrigada a facer público de que antes do remate do ano a fibra chegaría a todas as parroquias de Gondomar. “Este obxectivo continúa a incumprirse e o continuo retraso e a inoperatividade da compañía supón un incumprimento das súas obrigas” recrimina Rego.

Por este motivo, reclama ao Goberno do Estado que interveña e actúe para lograr que se cumpran os acordos de implantación do servizo de internet nas zonas rurais e permitir desenvolver un servizo de calidade. De non ser así, os continuos retrasos e inoperatividade da compañía, estarían contando co beneplácito do executivo estatal.