Concello de Gondomar
ALFREDO // Concello de Gondomar.

O BNG de Gondomar, a través da súa responsábel Local, Manuela Rodríguez, denuncia a incompetencia do Goberno do Sr. Ferreira para deseñar e aprobar unhas contas adaptadas ás necesidades actuais do concello, limitando, afirma, unha vez máis, a acción política do concello no 2018 a un deseño do PP que xa era malo no ano 2012.

Rodríguez expón que “se o ano pasado atribuía a ausencia de proxecto á baixa laboral da interventora municipal, este ano alega que non tivo tempo suficiente para elaboralo. Escusas que faltan ao respecto de veciños de Gondomar, e que fan que éstes se pregunten se a falta de tempo non se deberá a esa multipresenza do Alcalde en todo canto acto concorran cámaras e micrófonos, tirándose fotos diante de cada árbore podada ou cada bombilla substituída. Ou gabándose de realizacións conseguidas sempre grazas a axudas e proxectos financiados por outras administracións, nomeadamente pola Deputación, centradas básicamente en mellorar a imaxe do centro da vila esquecendo as necesidades máis básicas das parroquias”.

Se o problema é que esta moi ocupado, desde o BNG instamos ao Sr. Ferreira a que, por responsabiliade, delegue a área de Economía e Facenda noutra persoa do seu goberno que lle queira adicar o tempo necesario” explica a responsabel do BNG.

“Máis se a verdadeira razón é que é incapaz de conseguir os apoios necesarios para aprobar as contas por estar en minoría, instámolo a que sexa valente e vincule a aprobación a unha cuestión de confianza supeditando a súa continuidade no cargo a que a oposición facilite a aprobación das contas ou presente unha moción de censura” declara Manuela e matiza que “a falla dun orzamento actualizado provoca que non se poidan reforzar e mellorar servizos básicos que se deben prestar, e que proxectos e actividades se vexan coutadas pola falla de dotación económica”.

En resumo”, finaliza Rodríguez “moito Facebook e moita mediática do alcalde, mais Gondomar segue coma hai anos: sen novo centro de saúde, sen servizos sociais suficientes para as necesidades do concello, sen regulamento de participación veciñal, sen un servizo de transporte suficente e máis barato, sen plan xeral, sen rematar o saneamento,… E por riba, co mesmo orzamento. Fraco balance para dous anos e medio de goberno”.