Ánxela Fernández Callís e José Carlos Martínez Crespo

O BNG e o PSdeG-PSOE veñen de asinar un acordo para formar un «goberno de progreso e consenso» no Rosal, poñendo os intereses do municipio por riba de todo. Co obxectivo de brindar estabilidade ao futuro goberno municipal durante os vindeiros catro anos, con este acordo BNG (6) e PSdeG-PSOE (1) comprométense a camiñar xuntos nun goberno baseado no consenso e en positivo que sexa exemplo de progreso e avance.

BNG e PSdeG-PSOE amosaron a súa gran satisfacción por este acordo co que se comprometen a camiñar xuntos para mellorar a realidade social, os servizos e a calidade de vida, convivencia e benestar da veciñanza, traballando da man en todos os proxectos que permitan continuar transformando O Rosal.

A través deste acordo o concelleiro do PSdeG-PSOE, José Carlos Martínez Crespo, asumirá as competencias de Deportes, Turismo e Educación cunha dedicación parcial. Pola súa banda, o BNG, liderado por Ánxela Fernández Callís, asumirá a alcaldía e resto de competencias, concellarías e dedicacións e asignacións.

Ambas formacións acordaron traballar en equipo dende a transparencia e a coordinación para abordar diferentes liñas estratéxicas para o progreso da veciñanza do Rosal. O pulo a proxectos que favorezan a mobilidade recuperando espazos para as persoas con criterios de accesibilidade e sostibilidade; o apoio a iniciativas que favorezan o desenvolvemento económico sostible e a fixación de poboación na comarca, a formación relacionada cos sectores produtivos ou o comercio local; ou a posta en valor de cultura, patrimonio e deporte da man das asociacións e clubs cunha axenda de lecer diversa en todos os barrios centrarán algúns dos eixos centrais do goberno de coalición.

Por outra banda, BNG e PSdeG-PSOE tamén marcan como liñas estratéxicas do vindeiro goberno facilitar a conciliación a través da creación de novos espazos inclusivos e defendendo o ensino de proximidade; defender o coidado da contorna natural como clave do futuro do Rosal; fomentar a participación veciñal e do tecido asociativo na toma de decisións; mellorar infraestruturas e servizos municipais e esixir uns servizos públicos de calidade ante a administración autonómica, como a sanidade ou o transporte público.

BNG e PSdeG-PSOE recoñecen o esforzo realizado por ambas formacións e a vontade de traballar da man, poñendo o interese do Rosal por riba de todo e ofrecendo estabilidade e continuidade a unha xestión municipal coa que avanzar en áreas clave para o municipio.