vista de a Guarda
ALFREDO // Panorámica de A Guarda

O B.N.G. insta ao Alcalde da Guarda a posta en marcha de medidas que poñan en valor proxectos como o da rúa Concepción Arenal. “Estas medidas” indican “están plasmadas no Plan de Mobilidade que ten agochado nun caixón o actual grupo de goberno socialista“.

Existen unha serie de medidas que son de competencia municipal e que teñen como finalidade un cambio de modelo para a Guarda. Pensar que a reforma de Concepción Arenal vai solucionar por si mesmo os problemas que ten a Guarda é non entender a obra en si mesma”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG 

Segundo os nacionalistas, entre as medidas estarían a creación de rutas peonís seguras aos destinos máis concorridos da vila, consecución de aparcamentos disuasorios, campañas de concienciación sobre uso responsábel do coche e hábitos saudables, transformación do Casco Vello e barrio da Cruzada en espazos de prioridades peonil.

O veto do PP a un novo aceso ao Porto da Guarda

Para o BNG chama atención a actitude do PP, formación política con responsabilidades de goberno na Xunta que ten competencias para dotar á Guarda dun novo aceso ao Porto da Guarda moderno que despexaría o casco urbano da actual saturación de vehículos que padece”.

Os deputados e deputadas do PP deberían vir explicar ao comercio e aos guardeses e guardesas por que o seu partido está en contra da realización dun novo aceso ao Porto da Guarda”, sinala Ángel Baz.

Dende o BNG apuntan que un cambio de modelo para a Guarda é o único camiño que pode reverter a actual tendencia que está levando á Guarda a un descenso no censo de habitantes, así como o peche de negocios e o empobrecemento do tecido comercial guardés.

Ou facemos algo diferente ao que se ten feito até o de agora ou estamos condenados a morrer como pobo. O novo Plan de Mobilidade ten a chave”, afirma Ángel Baz.