O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Brais Ruanova, denunciou unha vez máis a crise que vive o transporte público por estrada na comarca do Baixo Miño, e presentou as medidas urxentes que a Xunta de Galicia debe aplicar para reverter a situación. Estas propostas, «votadas en contra polo Partido Popular no Parlamento galego, apuntan a dous eixes fundamentais que o goberno do PP non pode ignorar».

En primeiro lugar, o BNG exixe a elaboración de novos proxectos de explotación rigorosos e tecnicamente viables, deseñados desde as necesidades reais da cidadanía e non desde os intereses das empresas concesionarias. “O transporte público non é un luxo, é un dereito básico”, destacou Ruanova, lembrando que na zona rural e semiurbana do Baixo Miño, a falta dun servizo digno impide o acceso a educación, traballo ou sanidade.

En segundo lugar, e de maneira inmediata, «reclámase que a empresa concesionaria actual continúe a prestar o servizo con todo o rigor e puntualidade esixidos no contrato mentres non se poñan en marcha os novos acordos. Non podemos permitir que, baixo o pretexto da transición, a cidadanía siga pagando as consecuencias dunha mala xestión que non é súa”, sinalou o deputado nacionalista.

Ruanova recordou que o PP, a través do conselleiro Diego Calvo, «negou durante meses a degradación do servizo, cualificándoa de invención, ata que a presión social e parlamentaria forzou a rescisión do contrato coa UTE Lugove. Agora o Goberno ten unha segunda oportunidade para demostrar que lle importa o Baixo Miño e que reverterá a súa política de abandono”, apelou.

A iniciativa presentada polo Bloque busca converter o transporte público nun “pilar estratéxico dunha mobilidade sostible, inclusiva e eficaz”, alén de “poñer fin a décadas de desatención e subordinación aos intereses privados”. A proposta foi rexeitada polos votos en contra do PP, un feito que, segundo Ruanova, “deixa en evidencia a falta de vontade política para resolver de raíz un problema que afecta á vida diaria de miles de persoas”.