«O Partido Popular vetou cos seus votos no Parlamento galego a Proposición Non de Lei do Bloque Nacionalista Galego que reclamaba solucións urxentes para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor, malia as múltiples denuncias sobre a situación crítica do servizo», sinalan os nacionalistas.
A deputada nacionalista Carmela González defendeu a iniciativa, sinalando o estado “absolutamente indecente” das instalacións do GES: “literalmente, chove nas instalacións do Val Miñor”. Ademais de problemas estruturais graves, «alertou da falta de espazos dignos, mobiliario deteriorado e vehículos á intemperie. A escaseza de persoal tamén é alarmante: As quendas chegan a ser dunha soa persoa ou, no peor dos casos, o servizo pecha por falta de persoal, como xa ten pasado moitas veces”.
“O desleixo institucional é temerario. Falamos dun servizo que pode marcar a diferenza entre a vida e a morte, e que leva anos sendo ignorado por Xunta, Deputación e Mancomunidade”, advertiu González.
A proposta do BNG incluía a construción dunha nova sede funcional e segura, a reparación inmediata da actual e a resolución do proceso de estabilización do cadro de persoal. “A situación non só pon en perigo a seguridade das persoas traballadoras, senón tamén dos 45.000 habitantes do Val Miñor, unha cifra que se triplica no verán”, advertiu a deputada.
“Quero lembrarlle a toda a veciñanza que está en verdadeiro perigo. Non é ser catastrofista: é un feito máis que comprobado”, afirmou González, citando a carta dun traballador do servizo.
Para o BNG, a negativa do PP a apoiar esta iniciativa revela unha preocupante falta de compromiso coa seguridade da cidadanía. “Agardamos que esta situación non teña que confirmarse cunha desgraza para que se actúe”, concluíu a deputada.
