Xavier Rodríguez, portavoz municipal do BNG en Nigrán

Segundo o BNG, no Pleno de Organización do Concello de Nigrán «quedou de manifesto cal vai ser a política que vai a desenvolver o goberno municipal neste mandato, que non é outra que aplicar o rodete antidemocrático ás sesións plenarias. Así, o Partido Socialista quedouse con 4 dos 5 representantes na Mancomunidade do Val Miñor, a diferencia do que fixo o Concello de Baiona, que coa mesma distribución aritmética por grupos pero intercambiando os papeis entre PP e PSOE, quedará con 3 representantes para o Partido Popular, un para o Partido Socialista e outro para o BNG».

Por outra banda -din- «o Pleno delegou no alcalde a atribución plenaria para aprobar proxectos de obras e servizos dos que é competente para a súa contratación ou concesión, e cando non estean contemplados nos orzamentos. Furta así o debate plenario sobre os proxectos máis importantes e os non consignados orzamentariamente para asumir a súa aprobación por decreto».

O BNG opúxose a esta delegación pois “estamos en contra, en principio, de detraer competencias aos órganos colexiados para outorgarllas aos órganos unipersoais” segundo sinalou o portavoz municipal, Xavier Rodríguez.

No mesmo sentido, o BNG opúxose as retribucións dos membros da corporación e do persoal de confianza, «por non considerar xustificado o incremento de 6.000 euros nas dedicacións parciais, que pasan a ser de 24.000 euros para media xornada, o que supón que proporcionalmente teñan uns ingresos superiores á alcaldía. Ademais, auméntase unha dedicación parcial respecto do mandato anterior, que pasan a ser 5, uníndose as 3 dedicacións exclusivas do alcalde e tenentes de alcalde».

Igualmente non considerou xustificada a ampliación a xornada completa dun dos postos de persoal de confianza, «pasando o Concello de Nigrán a elevar ao límite máximo permitido pola lei o número de persoal de designación política que pode contratar».

«Finalmente, sinalar a indignación nacionalista porque un goberno do PSOE non considere axeitada a ningunha das súas concelleiras para ocupar unha das tenencias de alcaldía, e conformar unha Xunta de Goberno Local integrada por cinco homes e unha única muller», finaliza Xavier Rodríguez.