Desde o momento que o PSOE e o PP deciden comprar Fínola no ano 2018, o BNG tratou de convencer sen éxito a estes dous grupos de que o camiño para conseguir chan público para espazos verdes, dotacións, aparcadoiros en superficie ou vivenda pública era tan simple como desenvolver o PERI nº 5 do que forma parte Fínola.
“Gastar case 300.000 euros na compra de Fínola, foi malgastar diñeiro público que se puideron investir en desenvolver e urbanizar unha superficie de 18.000 m2” afirma Anxo Baz.
A proposta do BNG consiste en desenvolver o Plan Especial nº5, para se dotar de preto de 15.000 m2 de zonas de equipamento, aparcadoiros, zonas verdes e rúas; dos cales como mínimo destinaríanse 2.700 m2 para equipamentos públicos e 2.700 m2 para zonas verdes e de lecer para conectar coa Alameda no futuro.
Tamén permitiría dispoñer de máis de 150 prazas de aparcadoiro en superficie . O Concello da Guarda contaría cunha edificabilidade de case 4.000 m2 para vivenda pública que equivale a un solar de 750 m2.
Pola contra o acordo PSOE-PP, froito da ignorancia ou doutras inexplicábeis razóns, acaba de facer todo o contrario: segregar a Finca de Fínola do Plan Especial nº 5 en lugar de desenvolvelo, reducindo os 15.000 m2 de equipamentos a pouco máis de 2.400 m2 que ademais condicionarían no futuro a conexión dese espazo coa Alameda. Perderíanse tamén 2.500 m2 de edificabilidade (un solar de 500m2) que se corresponde exactamente co que compraron no 2018.
