Nun tenso Pleno con numeroso público, o alcalde de Nigrán «evitou desacreditar ao concelleiro de vías e obras, pero sen asumir tampouco persoalmente as decisións tomadas como máximo responsábel do procedemento de licitación do novo contrato de recollida de residuos».

O Partido Popular, solicitante do Pleno extraordinario ao ser o único da oposición con capacidade aritmética para facelo, presentou unha proposta na que esixía a dimisión do concelleiro de vías e obras, emendada polo BNG no sentido de esixir ao alcalde que cesara ao concelleiro se este actuou á marxe do seu criterio. En caso contrario, «pediamos que asumira persoalmente a responsabilidade máxima de toda a actuación na tramitación da licitación».

A proposta final, coa inclusión da emenda, foi apoiada polo conxunto da oposición e rexeitada cos votos do goberno municipal.

No Pleno o BNG fixo fincapé en que a exclusión da oferta que incumpre o prego de contratación «non borra o intento de favorecela» e, sobre todo, «non soluciona o problema que permanece independentemente de quen sexa o adxudicatario, que é o custe innecesariamente inflado do novo contrato que acabará provocando que a veciñanza de Nigrán pague máis do necesario polo servizo«. “É o negocio privado á conta dos nosos petos” indicou o portavoz municipal, Xavier Rodríguez.

Neste sentido alertou de que por se non fora suficiente a suba das taxas provocada polo ineficiente modelo de SOGAMA, «en Nigrán aínda se aumentará máis do necesario debido ao incremento artificial do custe do servizo», sinala o portavoz nacionalistas.

Estas irregularidades non fan senón dar a razón ao BNG cando pediu que «cando menos se valorase a posibilidade de xestión directa do servizo, petición que foi desbotada sen nin sequera estudala como alternativa». Sen predeterminar o resultado, «solicitabamos que se analizasen seriamente as diferentes opcións para a súa xestión, pero esa solicitude caeu en saco roto«, di.

Dende a formación nacionalista «seguiremos opoñéndonos a unha licitación prexudicial para os intereses da veciñanza de Nigrán».