Río Muiños, Nigrán

Segundo o BNG, o Goberno municipal de Nigrán aprobou no pleno ordinario do mes de xuño unha modificación de crédito de case 860.000 euros para financiar diversos gastos, realizada con cargo a baixas por anulacións de partidas e novos ingresos que provén do aproveitamento urbanístico de Porto do Molle aínda pendente de aplicación.

O BNG non discute a necesidade destes investimentos, especialmente de algúns como a reparación da cuberta do pavillón de Panxón ou diversas obras de saneamento, «pero si o seu financiamento cos recursos procedentes do desenvolvemento urbanístico de Porto do Molle e a anulación de partidas para a mellora ambiental do entorno do polígono. Máis tendo en conta que o goberno acaba de aprobar un orzamento sen contemplar consignación orzamentaria suficiente para acometelos«, din.

A resolución do contrato para o acondicionamento das marxes do río Muíños supón «dar carpetazo a un proxecto clave para este goberno cuxo obxectivo primordial é devolver ao río o seu equilibrio natural, en palabras do alcalde de Nigrán, Juan González, cando anunciaba o inicio das obras de recuperación das marxes do río e a creación de núcleos de ocio e deportivos totalmente integrados na paisaxe«, afirman os nacionalistas.

Esas obras adxudicáronselle a Audeca por algo máis de medio millón de euros no ano 2018 e un prazo de execución de 10 meses. Sete anos despois e logo de innumerábeis suspensións, paralizacións e diversas incidencias, «resólvese o contrato de mutuo acordo coas marxes sen acondicionar e a suposta zona deportiva convertida nun ermo».

A este respecto o BNG reclama que o crédito restante pendente de aplicación polo aproveitamento urbanístico de Porto do Molle, superior aos 4 millóns de euros, se destine a rexeneración ambiental dos ríos Muíños e Nespereira, que bordean o polígono, así como a resolver a deficiente comunicación do parque empresarial coa Rúa dos Pazos. Tamén a actuacións destinadas a favorecer a promoción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, «que é o primeiro dos destinos que contempla a lei para os bens procedentes do patrimonio público do chan«, rematan.