O orzamento xeral do Concello de Nigrán para 2026, aprobado cos únicos votos a favor da maioría socialista, ascende a 18.410.951 ao incrementarse en algo máis de un millón de euros respecto do correspondente ao exercicio de 2025.
«Non obstante, este aumento non redunda en maiores investimentos ou actividades necesarias para a veciñanza. O groso desta suba lévao o gasto en bens correntes e servizos, ao encarecerse notablemente a súa prestación cos novos contratos que se están licitando. Case 700.000 euros do incremento van destinados a este fin. Iso é o que ocorre co novo contrato do lixo, un 50% máis caro que o anterior, ou coas licitacións do servizo de mantemento de xardíns, xa adxudicado no ano 2025«, afirman dende o BNG.
Os nacionalistas indican que o resto do incremento do orzamento «vai fundamentalmente para o Capítulo 4, as transferencias correntes, que aumentan case 200.000 euros sobre o ano anterior. Este é o capítulo que recolle as achegas a outras administracións, como a Mancomunidade do Val Miñor, pero tamén as subvencións, tanto por concorrencia competitiva como as adxudicadas directamente. O importe total destinado a estes fins aproxímase xa ao millón de euros».
Estes empregos do gasto fai que o capítulo destinado a inversións reais con fondos propios «sexa apenas de 470.000 euros nun orzamento de máis de 18 millóns. Este goberno segue a tendencia de transferir cartos a terceiros en vez de realizar investimentos necesarios para manter a calidade de vida da veciñanza e preservar o seu medio, así como a realización directa de actividades de interese», apuntan.
Din dende o BNG que «os investimentos quedan, polo tanto, reducidos practicamente aos realizados cos fondos procedentes da Deputación, e que o goberno elude introducir no orzamento, evitando así definir os proxectos e destinos nos que se van a empregar». Segundo indicou Xavier Rodríguez “a acción política esixe executar os investimentos e actuacións que se consideran precisas por un mesmo, non só soltar diñeiro público para que as realicen terceiros” ao mesmo tempo que manifestou «o rexeitamento do BNG a esta política orzamentaria».
