Segundo o BNG, «desde hai 40 anos o Fonteliño pasou de ser un lugar seguro a sufrir constantes episodios de contaminación a gran escala a través de flagrantes vertidos contaminantes. O leito do río vólvese leitoso e mesmo azulado; por momentos aparece escuma na superficie e o olor é intolerábel».

As graves alteracións que producen estas verteduras no río «afectan as augas superficiais e subterráneas, a Saúde Pública, os hábitats acuáticos, a pisci-fauna, o ecosistema do río e a propia identidade da Parroquia de Cans», din os nacionalistas.

Advirten que «esta situación de indiferenza por parte do Concello supón un agravio constante e desprotección da veciñanza, do ambiente, do territorio de Cans e da Conca do Louro». As denuncias sobre estes vertidos sinalan «que o punto de orixe son as canteiras localizadas en Couso, no Concello de Ponteareas, pois o inicio da contaminación comeza na gabia das augas pluviais e da escorrentía das aguas superficiais da estrada ao paso polo dito lugar«, aseguran.

Afirman que a maioría do PP no Pleno evitou que se aprobase unha moción presentada polo Bloque na que se solicitou a presentación de denuncia formal do Concello do Porriño ante a Comisaría de Augas da Conca Hidrográfica Miño-Sil, e a comunicación ante o Concello de Ponteareas desta grave situación ambiental que acontece nos seus límites territoriais.

O goberno do PP olla para outro lado ou limítase a darlles curso administrativo ás denuncias que as persoas particulares presentan. Négase a actuar, a ter iniciativa política propia en defensa da parroquia de Cans e do noso medio natural”, sinalou o concelleiro do BNG, Marcelo Rodríguez Acosta. “A contaminación química por metais pesados e física do río sófrea a veciñanza da Parroquia de Cans. O voto en contra do PP permite que a empresa teña liberdade para seguir contaminando o río sen consecuencias”, rematan.